O 12 de maio de cada ano celébrase o Día Internacional da Enfermeira e matrona. Data escollida por ser o aniversario do nacemento de Florence Nightingale, considerada como a fundadora da enfermaría moderna.
Este ano o lema que designou o CIE (Consello Internacional de Enfermería) para a efeméride foi:
“A Enfermería. Unha voz para liderar. Investir en enfermería é respetar os dereitos para garantir a saúde global”
Aínda que hoxe se supón un día de celebración e homenaxes, a nosa realidade é ben distinta:
Levamos anos traballando en precario. Situación acentuada , aínda máis se cabe, pola pandemia.
A mala xestión das diferentes administracións, están conseguindo que moitas de nós nos replantexemos se realmente isto merece a pena. Até a idea de mudar de profesión.
Non entendemos como, na maioría dos casos, despois de varios anos traballando continúamos con contratos a días, quincenas…
Carteleiras abusivas sen ningún tipo de estabilidade, coas que resulta imposible poder organizar a nosa vida persoal, conciliar, ter a posibilidade de desfrute de vacacións, permisos e mesmo descansos reglados. Xerencias que impoñen, case dunha maneira ditatorial cando debes traballar ou descansar, se é que che corresponde. excusándose na falta de persoal ou necesidades do servizo.
Os abusos e falta de dereitos reais e efectivos repercuten no máis importante para nós e para o propio sistema sanitario, os coidados que damos as e aos doentes.
Resulta imposible dar uns coidados de calidade coa situación laboral á que estamos sometidas. Non podemos escusarnos nin permitir que isto siga así polo feito de que esta profesión ten que ser “VOCACIONAL”. A VOCACIÓN EN NINGÚN CASO XUSTIFICA A EXPLOTACIÓN!
Por iso plantexamos as seguintes cuestións:
Como imos liderar se non temos a suficiente inversión en enfermería?
Sen inversión axeitada, como imos garantir a saúde global?
Como coidar se non coidamos a quen coida?
Como dar uns coidados íntegros, continuos e de calidade sen ter unha estabilidade e dignidade laboral?
Como evitar a falta de persoal ou fuga cara outros países/sectores de ENFERMEIRAS se cada día precarizamos máis a profesión?
Por todo o dito, dende o noso colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita neste día tan sinalado, que ademais de ser o día da enfermería coincide co acto de investidura do novo presidente da Xunta: Volvemos exixir de maneira urxente un cambio na xestión e nas políticas cara á nosa profesión; e agardamos que así o fagan as administracións responsables e por suposto a nova presidencia.