Podería ser o título dunha película comercial de acción na que a cousa se pon fea, o mal golpea con toda a súa crueldade ao mundo e chega Chuck Norris ao rescate e cunhas patadas certeiras desfaise do inimigo e restaura a xustiza e a orde. Pim, pam, pum… e acabouse a historia. Todos felices.
Pero nada máis lonxe da realidade, esta mesma semana o noso Conselleiro de Sanidade, o Sr. Jesús V. Almuíña, tivo que tomar (palabras súas) unha decisión difícil: o peche do paritorio e as urxencias pediátricas do hospital de Verín. As embarazadas, nenos e os seus acompañantes, terán que desprazarse 70,8 km segundo o google maps se van dende o centro deste pobo ata o seu novo hospital de referencia, o CHOU, en Ourense. Serán máis kilómetros se van dende os arredores. Toda unha fazaña se un coñece un pouco as sinuosas e dificultosas estradas desta zona… e máis se un vai conducindo cun pouco de présa pola urxencia da situación.
A razón do peche, argumenta o noso Chuck Norris particular, é que non hai suficiente volume de partos na comarca para manter dito servizo en activo e, á vez, a calidade e a seguridade da atención sanitaria se vería diminuída tamén por este motivo. Ademais, tampouco lle convenceron as opcións alternativas que o propio persoal do hospital lle propuxo, conscientes da repercusión negativa desta decisión para todo o pobo, nin se deixou conmover polas 20.000 persoas que se manifestaron en contra antonte nas rúas de Verín.
A dispersión xeográfica en Galicia é un problema para a atención sanitaria, pero supoño que cargarse a equidade no acceso á sanidade pública poñendo 70,8 km de por medio non é unha gran solución. Sendo médico como é, sorpréndeme que Chuck non sexa coñecedor dos múltiples problemas que poden xurdir durante e despois do embarazo, tanto para a nai coma para @s fill@s.
Sr. Almuíña, os partos, coma vostede ben di, non son infartos, pero non todos os embarazos ou partos desafortunadamente rematan ben nin se poden aprazar no tempo, ao igual que moitas das urxencias. Algunhas, de feito, chámanse emerxencias por ser de importancia vital inmediata.
Sorprende tamén que un dos seus, o Sr. Feijoó, decidise xunto coa súa muller facer uso dunha clínica privada hai 2 anos e algún mes para dar a luz ao seu único fillo.Ámbos os dous colegas de partido, eríxense como acérrimos defensores da sanidade pública, pero despois paren na privada, coa súa habitación propia, as súas camas de acompañante e todos eses luxos e comodidadespersoais. Habería que ver se neses centros cumpren cos criterios de calidade por número de partos en comparación cun centro público de Ourense. Ao mellor levamos unha sorpresa e pechanos tamén polo ben do doente.
O peor de todo é que esta película estase rodando nun escenario chamado Galicia, que vai á cola en taxa de natalidade, e isto que está pasando non creo que sexa de gran axuda para mellorar a situación.
Por favor, Chuck Norris, deixe de dar patadas ao sistema público de saúde. Vostede ten que ser o que nos salve, non o que nos destrúa.
E unha última cousa lle vou dicir, Chuck: se todo isto realmente o fai por aumentar a calidade, a seguridade e mellorar a atención sanitaria… tan difícil non debería ser a decisión.
Moi atinado. Verín non se pecha!