A miñá irmá estivo sempre do lado de quen máis a precisaba. Tivo que conter as súas propias bágoas ao ver morrer a nenas, mozos e maiores. Ten pasado infinitas noites alerta, á espera de que soase un timbre. Houbo días nos que non tivo tempo de comer ou ir ao baño. Soportou os insultos e as faltas de respeto dalgunhas persoas. Asumiu responsabilidades que outras terían rexeitado. Tivo que aprender a traballar en certos servizos por conta propia, de forma acelerada. Nunca puido facer plans a longo prazo, nin organizar viaxes, pendente sempre da bolsa de traballo. Tivo que aceptar contratos de última hora, por medo a ser penalizada. Pasou anos estudando para presentarse a unha oposición, roubándolle tempo ao seu necesario descanso. Pospuxo o seu proxecto de vida a expensas do traballo. A miña irmá é vítima dun estrés e unha incertidume constante. A miña irmá non é unha persoa corrente, é unha heroína coma as de Marvel: a miña irmá é ENFERMEIRA.
Mais a miña irmá ten recibido o agarimo e as loubanzas de moitas e moitos pacientes agradecidos. Pasou noites enteiras na sala de estar, tomando café e conversando coas súas compañeiras. Recibiu flores, bombóns e notas de agradecemento de moitas persoas. Tivo bebés moi pequenos no seu regazo e escoitou mil e unha historias de persoas maiores. Ao longo da súa carreira, acumulou unha morea de anécdotas e bos momentos, gracias ao apoio incondicional doutras heroínas. Aprendiu moito máis delas que dos libros da oposición. A miña irmá enfróntase día a día a ese xigante chamado Administración e aínda así, non perde a vocación. Desempeña o seu traballo coa mesma dedicación do primeiro día. A miña irmá non negocia horas libres nin subidas salariais, ao único que aspira é a ter unhas condicións laborais dignas. A miña irmá adica a súa vida ao coidado da saúde, principal activo social. Coma ela, miles de heroínas máis; fillas, compañeiras, nais, amigas, etc. Mulleres con poderes, que pasan desapercibidos nos corredores de calquera hospital, e que teñen o dereito de ter unha vida ̈normal ̈.
“Imagen del Banc d’Imatges Infermeres. Autoría: Ariadna Creus y Àngel García”