Nos últimos días estamos a vivir unha intensa campaña de marketing en redes sociais en medios de comunicación por parte da Consellería de Sanidade, encabezada polo noso Conselleiro, o Sr. V. Almuíña, e polo mesmísimo presidente da Xunta, o Sr. Feijóo.
E é que a data das eleccións autonómicas está cada vez máis preto e aprema facer autopromoción, declaración de intencións e promesas electorais de cara á cidadanía. Erixirse en defensores acérrimos da tan de moda Humanización da atención sanitaria é unha das proclamas que se vén repetindo con máis asiduidade nestas mensaxes do Sergas.
Sen ir máis lonxe, nun deses vídeos publicitarios [ vídeo ] advírtesenos aos propixs traballadorxs da sanidade galega que o día a día pode ser estresante, converterse en rutina e facer que nos esquezamos de algo moi importante e por iso, de xeito moralista e paternalista, continúa dicindo que nos paremos un momento a pensar como o que facemos pode influír na vida dos demais, para a continuación recomendar que un xesto, un sorriso ou unha palabra amable pode significar moito para quen a recibe cando está nunha situación vulnerable
Como profesionais, como usuarixs do SERGAS e mesmo coma persoas, xa sabiamos da importancia de todo isto, aínda que ás veces custe poñelo en práctica a diario pola sobrecarga asistencial e clima de estrés e crispación consecuentes que estamos a sufrir. Listas de espera interminables, baixas de persoal sen cubrir, prazas de persoal amortizadas, plantas ou servizos de hospitais pechados, aumento de prestacións sanitarias sen aumento de persoal proporcional, contratos en precario por días (e incluso por horas), pacientes morrendo nos pasillos de urxencias, saturación de servizos… e un largo etcétera… cremos que non axudan, coma vostedes piden, a humanizar a nosa labor.
Se realmente pensan que a mellor forma de entendernos é escoitarnos, tal como finalizan este bochornoso vídeo, cremos que para empezar a humanizar a nosa atención á cidadanía, o primeiro que teñen que facer é precisamente escoitar as reivindicacións que dende este colectivo levamos tempo facendo.
Aplíquense os mesmos os valores que nos piden aos demais na súa mensaxe: empatía, humanidade, dignidade, confianza e ética, e comecen a humanizar precisamente coidando e dotando de recursos humanos proporcionais ás necesidades actuais existentes.
Vostedes non ven unha cidadanía da que coidar; vostedes ven potenciais votantes.
.
Pódese dicir máis alto, non máis claro