Unha luz ao final do camiño, así definiríamos o que vivimos onte no Parlamento Europeo, onde a denuncia presentada hai máis dun ano polo noso colectivo e en colaboración coa portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, chegou ao Comité de peticións.
Unha denuncia que intenta poñer en debate a situación de precariedade e incerteza laboral na que nos atopamos as enfermeiras do Servizo Galego de Saúde “debido ao uso abusivo dos contratos laborais temporais“.
A xornada comezou coa intervención de Catuxa Lagarón, que presentou por vía telemática a denuncia cun relato detallado da situación na que viven máis de once mil enfermeiros inscritos nas listas de contratación temporal. E despois dela, a resposta dos Eurodeputados, de diferentes grupos parlamentarios, que amosaron case total unanimidade ao criticar a situación de precariedade laboral, incerteza e uso abusivo dos contratos laborais temporais.
Desde o grupo demócrata-cristián, pasando polo Grupo Verde, a Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas, o Grupo de Esquerda e Renew Europe, todos eles sen excepción, acordaron seguir adiante coa petición aberta e instaron a seguir investigando, así como a para reclamar datos da Administración da Xunta de Galicia.
Tan só un pero, do Europarlamentario do Partido Popular, Francisco José Millán Mon, que introduciu un dato errónea, probablemente da propia Administración, intentando dar a entender que no Servizo Galego de Saúde o 73% das enfermeiras eran persoal fixo.
Como ben fixo a nosa compañeira Catuxa na súa resposta, debemos poñer eses datos en consideración, xa que esa porcentaxe do 73% é falsa. Especificando un pouco máis, que o 73% é en realidade a suma de persoal con posto e persoal interino, pero sempre coa lei na man, o persoal interino segundo o Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos sanitarios, considérase persoal temporal, segundo se detalla nos artigos 8 e 9.
A pesar diso, o que vivimos onte no Parlamento Europeo énchenos de entusiasmo e dános máis forza para seguir adiante coas nosas demandas. Unhas demandas que sempre consideramos xustas e necesarias. Unhas reclamacions que buscan mellorar a calidade da atención a pacientes e usuarios de saúde pública.
Porque unha vez más estaremos de novo todos de acordo: sen estabilidade laboral, nunca poderemos ofrecer a excelencia na atención que a sociedade precisa.