Boas pandemials! Canto tempo dende a última vez que pasei por aquí, que tal vai todo? E que conste que esta última é unha pregunta retórica, como cando atopas un coñecido na rúa e che pregunta que para cando tomades un café. Non, non quere tomar café, só quere quedar ben. Pois eu o mesmo, non quero que me digades que tal, só quero parecer riquiña.
Tampouco quero que me contedes que tal, porque supoño que estades coma min superando unha crise existencial tras outra. Somos sanitarios, o máis semellante a mártires que ides atopar neste século.
Para facer un pouco de recapitulación dos últimos tempos, houbo unha pandemia que comezou hai un par de anos. Supoño que oístes algo sobre o tema, ou que notastes que agora traballamos a cara cuberta. Como sexa, a raíz da pandemia a xente deuse conta de que había sanitarios traballando nos hospitais. Menudo shock. Pero xa cando se decataron, ademáis, de que traballabamos nunhas condicións lamentables, e que tiñamos máis páxinas de vida laboral que o Códice Calixtino… Pois oe, sorpresón.
Tampouco somos un colectivo moito de queixarnos. Quero dicir, de queixarnos ao xeito, onde nos temos que queixar: Nas Administracións, nas urnas, saíndo ás rúas. Aí non. Pero vamos, á hora do café non queda supervisora, directora ou xerenta con cabeza. Metaforicamente, aclaro, que o de levar á xente á praza a decapitar non se estila dende tempos de María Antonieta. Aínda que se as cousas seguen así ao mellor un día atópannos queimando contenedores.
Ben, todo isto viña a que grazas á pandemia, volvémonos visibles para a sociedade. Aplausos ás oito da tarde, e veña a compartir vídeos en redes de compañeiras ao límite. Tamén estivo moi de moda iso de saír chorando co EPI todo marcado na cara coma cando te levantas ca marca da almofada, pero se queredes a miña opinión, e aínda que non a queirades vouvola dar… impactante de primeiras, pero pouco efectivo cando é o décimo reels que che sae en instagram sobre o mesmo. Comezas a preguntarte se realmente había intención de concienciar ou só de gañar algúns seguidores…
Despois diso veu o efecto boomerang, que todo o que sobe baixa ou coma lle queirades chamar. Pasamos a ser plandémicos, a cargarnos xente case por encargo coma se foramos unha especie de James Bond en pixama… esperpéntico. Pouco durou a grande consideración que nos tiñan. A min aínda non me dera tempo a crerme Batman e xa éramos o Joker. Vaia por Deus.
E así chegamos ao día de hoxe. Como está o panorama? Pois mal. Logo de dous anos de pandemia a xente está esgotada, queimada e moi á defensiva. Sanitarios e pacientes, que aquí papamos por todos os lados. O que me parece máis triste é que no canto de unirnos e loitar por unha sanidade que agoniza, adicámonos a botar merda uns sobre os outros.
E mentres A administración aproveita para seguir desmantelando a nosa sanidade. Quitannos servizos, quitanos profesionais, para meternos máis horas, volvemos aos contratos sen dereitos reais. Xa non é que deramos un paso atrás, e que prácticamente voltamos a liña de saída.
Mais non está todo perdido. Xa o fixemos unha vez. Un grupo de eventuais do Sergas, números insignificantes para unha Administración que se adicou a maltratarnos durante anos, xuntámonos e iniciamos un movemento, unha marea negra, para denunciar a nosa situación laboral e o desfalco que sufría a sanidade. Unha marea coma aquela do Prestige, de aniversario nestes días, mais non unha marea de desgracia, senón unha de salvación e esperanza. Logramos grandes fazañas, conseguimos levar as nosas reivindicacións ata Bruxelas, nin máis nin menos.
E agora imos botar todo a perder? A Covid xa nos golpeou abondo, non pode quitarnos tamén as ganas de loitar e de manter a dignidade e calidade do nosa sanidade. Mal que lle pese a moitos, esta marea negra sobreviviu á covid, e está disposta a seguir defendendo os nosos dereitos laborais, os dereitos das nosas pacientes e reivindicando que para facer da nosa unha sanidade de calidade o máis importante é: COIDAR A QUEN COIDA.