A censura non é neutralidade

Despois da publicación dunha circular emitida pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade e Xerencia do Servizo Galego de Saúde, en relación coa prohibición de “anuncios, cartéis e publicidade [..] que poden resultar inxuriosos ou ofensivos para determinadas persoas, colectivos ou institucións” e “concentracións de protesta“, dende o noso grupo queremos indicar o seguinte:

Rexeitamos rotundamente as palabras da Consellería de Sanidade nun comunicado que só pretende reducir a liberdade de expresión dos seus traballadores, así como silenciar as críticas que se están a producir sistematicamente por todos e cada un dos grupos que forman o Servizo Galego de Saúde.

Queremos subliñar que dende este grupo non se atentou en ningún momento contra persoas, profesionais ou institución pública, senón que se fixeron chamadas para alzar a voz e esixir cambios para mellorar xa non só as condicións laborais de traballadores senon tamén a atención aos nosos pacientes. En calquera caso, foi a administración a que atacou deliberadamente a unha compañeira nun programa de televisión, filtrando datos falsos para desprestixiala.

Dende o Servizo Galego de Saúde lévanse a cabo políticas de saúde precarias desde hai anos que implican un deterioro continuo da sanidade pública galega. Políticas que son ofensivas para as usuarias/os e traballadores e por iso non intentamos censurar esas palabras nin insultar ou falsificar as súas reclamacións.

En calquera caso e sempre con respecto responderemos a todos aqueles que consideren que “vulneren dereitos ou liberdades, promovan condutas discriminatorias [..] ou atenten contra as persoas, profesionais, institucions públicas”.

Por outra banda, non permitiremos que as institucións públicas se empreguen en interés da “neutralidad que todo poder público debe respetar” e é por iso que censuramos o uso do aparello publicitario da Xunta de Galicia para uso partidista e electoralista.

Finalmente, queremos salientar que estas “regulacions” non alcanzarán o seu obxectivo. En todo caso, amplificarán aínda máis as demandas de pacientes e profesionais. Accións como silencialas son as que provocan a fractura do “principio de neutralidade“, xusto algo do que se alardean dende a Consellería de Sanidade.

Unha sanidade que escoite, será unha sanidade máis plural e mellor.

#NonNosCalarán

“Imagen del Banc d’Imatges Infermeres. Autoría: Ariadna Creus y Àngel García”

Deixar unha resposta