Dende o inicio das nosas reivindicacións pedimos condicións dignas e non incrementos salariais nin doutro tipo de retribución. De feito non somos o único colectivo que así o fai. Todas as que loitamos pola sanidade pública coincidimos en moitas das nosas reclamas, que non teñen relación co incremento dos soldos.
Se nos remontamos anos atrás á anterior crise económica: os recortes na sanidade, xunto con outros factores, aumentou a carga de traballo. Aumentou porque a contratación e os nosos dereitos reducíronse. Sufrímolo nas nosas carnes o persoal permanente, o persoal eventual e sobre todo os pacientes coa caída inaceptable na calidade da nosa atención. A existencia de sobrecarga asistencial non é compatible cunha boa calidade da mesma.
Considerámonos persoas comprometidas coa sociedade e entendemos que esa reclamación en porén sería inxusta e máis nun momento coma este no que se aveciña unha nova crise económica.
Seguimos solicitando o máis importante agora e sempre, seguridade no noso traballo, para o que precisamos: equipos, material, formación e contratación estable. Necesidades que continuamos a ter.
Non dubidamos que a medida de “gratificación para o persoal sanitario“ sexa pensada con boa intención, mais non é o que urxe.
Por outra banda, non nos podemos esquecer das nosas compañeiras, consideradas persoal non sanitario (celadoras, PSXs, TES, etc), imprescindibles nesta primeira liña, e as que esta medida podería deixar fóra.
Por último tamén entendemos que o persoal que coida as nosas maiores (residencias, axuda a domicilio, etc..) como tamén o persoal que segue traballando para garantir o abastecemento de primeira necesidade (supermercados, transporte, farmacias, etc.) son, canda nós, esa primeira liña, polo que pedimos que as medidas que se soliciten sexan para garantir agora e sempre a seguridade de todas nós e a das nosas familias.
“Imagen del Banc d’Imatges Infermeres. Autoría: Ariadna Creus y Àngel García”