O Consello de Contas é un organismo independente que ten como obxecto valorar o estado da Administración Autonómica, é dicir, un ente que non depende de que no goberno da Xunta goberne un ou outro partido político.
Nesta ocasión, o “Informe de fiscalización da Responsabilidade Patrimonial do SERGAS” entregado ao Parlamento de Galicia a finais de xullo, constata que a temporalidade no SERGAS non é a que nos vendían desde a Consellería de Sanidade e desde a presidencia da Xunta de Galicia.
As palabras de Fernández-Campa, Xerente do SERGAS, en pleno uso das súas facultades, foron contundentes: “o 85% dos traballadores do SERGAS están en vínculos estables” e o propio presidente Feijóo no Parlamento de Galicia chegou a asegurar que “o 88% ten un nomeamento definitivo”.
A realidade que nos presenta o informe do Consello de Contas é abafadora no seu punto IV. 11.4. EFECTIVOS DE PERSOAL onde analiza a estrutura do persoal, con dous valores: prazas orzadas e número medio de efectivos.
Este punto constata que nos últimos anos experimentouse un incremento na contratación de persoal eventual en aras de estabilizar o plantel e detalla que o persoal que ocupaba praza en propiedade representaba o 62,8% do total, moi lonxe do 88% que vendían os altos cargos da Xunta e do SERGAS.
Como conclusión, o informe denuncia que os índices de temporalidade continúan sendo altos, 40% en Atención Especializada e 28,1% en Atención Primaria, observándose un incremento interanual dos mesmos.