Á súa maneira: sen previsión nin responsabilidade

É dabondo coñecido por todas que a administración pública non se caracteriza precisamente por coidar ao seu persoal, pero o do Sergas roza a ineptitude total. Tras anos e anos de malos tratos laborais, acrecentado por tres anos de pandemia nos que se evidenciou máis se cabe eses malos tratos a pesar de ser o persoal sanitario e non sanitario os piares da santidade pública, no canto de empezar a coidar ás súas traballadoras volve á carga coa última ideaza que se sacou da manga: adianta catro meses o exame da oposición de enfermería sen previo aviso e despois de asegurar que non podería ser antes dos últimos meses do ano. E todo por rabuñar uns poucos votos, porque dubido que sexan moitos os que consiga con isto.


Ademais da falta total de previsión e de consideración cara ao seu persoal, tamén queda demostrada a irresponsabilidade da que fan gala, debido a que na data escollida non haberá apenas persoal dispoñible para as coberturas das ausencias que xera ese exame, tendo en conta que máis do 60% do persoal de enfermería do Sergas é eventual e, por tanto, acudirá a esa cita en Silleda, deixando, por suposto, aos usuarios con servizos moi mínimos á súa disposición.


Ademais de que esa data atoparase en pleno período vacacional sendo as enfermeiras eventuais que acudirán a ese exame as que terían que estar a substituír ao persoal de vacacións. Cal será a solución que podería salvar a situación? Pois deixar ao persoal sen o seu dereito ás vacacións por prestar os seus servizos, en quendas que non son as súas por rotación e tendo que facer horas de máis porque o persoal con praza fixa, as que non teñen que acudir a ese exame están en minoría. E todo por non cumprir a súa palabra, por non deixar o exame para despois do verán no que xa habería dispoñible unha nova promoción de enfermeiras que poderían cubrir esas ausencias posto que non entraron nesta convocatoria.


Pero a pesar disto, e das protestas de traballadoras e sindicatos, a idea do Sergas é continuar coa data sinalada sen atender a ningún tipo de razón e con escusas máis ben febles. Posto que aos señores da mafia que discorren estas ideazas con nocturnidade e alevosía non lles importa en absoluto nin o seu persoal nin o que é máis importante, os doentes, só a publicidade que xera uns datos manipulados. E se o persoal que queda é mínimo, teremos que aguantarnos como vimos facendo os últimos anos, se ata será tamén culpa das traballadoras o asistir a ese exame no que se xogan a súa estabilidade laboral, facendo que os directivos de cada área vólvanse tolos cadrando as coberturas. Unha vez máis evidénciase o mal facer dos personaxes que se encargan de velar polo noso sistema de saúde pública, volvendo a facer as cousas á súa maneira: sen previsión e sen responsabilidade.

One thought on “Á súa maneira: sen previsión nin responsabilidade

Deixar unha resposta