Cada ano gradúanse máis de 50.000 enfermeiras en toda España, e nos últimos cinco anos creáronse case 5.000 novas prazas. Non obstante, a pesar deste aumento, a escaseza de enfermeiras persiste. Cal é a razón?.
A situación actual revela que a falta de enfermeiras é un problema tanxible e que está a xerar dificultades na actualidade para os distintos sistemas sanitarios públicos. Non obstante, este problema será aínda máis grave nos próximos anos. Unha porcentaxe considerable de enfermeiros, preto do 4% segundo o Colexio Oficial de Enfermeiras de Barcelona, abandonou a profesión, e o 80% delas fíxoo motivado polas condicións laborais, que inclúen temporalidade, sobrecarga de traballo, salario e falta de recoñecemento profesional.
En Galicia, entre 2017 e 2021, o número de enfermeiras diminuíu un 2,3% converténdose na comunidade autónoma con maior perda de profesionais de toda España. De feito o 45,8% dos enfermeiros considerou abandonar a profesión nalgún momento, e o 32,5% non optaría por cursar de novo a carreira se puidese retroceder no tempo, segundo un estudo do CGE.
Un dos motivos que provoca esta situación é a elevada precariedade e temporalidade do persoal. Un problema provocado pola propia administración pública que permitiu que os profesionais teñan que pasar unha media de 15 anos para estabilizarse e mentres tanto sufrir durante eses anos unha inestabilidade laboral digna das peores ETT.
Outra motivación para abandonar a profesión é a carga de traballo. As enfermeiras galegas teñen o segundo peor ratio enfermeira-paciente de España segundo os datos de 2021 publicados polo INE. Por cada 1.000 galegos hai 5,17 enfermeiros e en España 6,25. No que respecta ao resto de países da Unión Europea, España só se sitúa por debaixo de países como Eslovaquia, Italia, Hungría, Bulgaria, Grecia ou Letonia. Estas alarmantes estatísticas, agravadas pola inminente xubilación de milleiros de profesionais nos próximos anos (onde o 20% dos enfermeiros teñen 55 ou máis anos, por riba das actuais), subliñan a necesidade imperante de fidelizar aos profesionais que traballan no sistema público de saúde.
Se non se realizan cambios na xestión e planificación dos recursos humanos, un verdadeiro caos materializarase no déficit de enfermeiras debidamente formadas e como usuarios do sistema público de saúde, non debemos tolerar este escenario.