Á atención de quen me queira escoitar, aínda que é de supoñer que o fará calquera que non teña un cargo de poder na Administración Pública desta país, nin do goberno en xeral, nin tampouco quen está do outro lado.
Estamos a vivir un momento moi complicado practicamente en todo o mundo, e a diario bombardéannos por todos os medios cunha chea de noticias, non todas certas, do que nos está pasando.
Bill Gates fai cinco anos dixo nun acto público que o peor que nos podía pasar era estar fronte a unha pandemia e non fronte a unha guerra. E canta razón tiña, xa que resulta que a guerra que estamos a vivir nada ten que ver coa que se imaxinaba quen ostenta o goberno.
É unha guerra na que as principais armas son balas, pero de osíxeno; bombas, pero de infusión medicamentosa; trincheiras, pero feitas de ladrillo e paredes; chalecos, pero non antibalas, senón de plástico, para evitar a contaminación. Armas que, neste caso, non son suficientes nin para parar este conflicto bélico ,nin moito menos para gañalo, porque esta é unha guerra diferente, moito máis silenciosa, que require de algo que non temos.
Un silencio roto unicamente polos prantos das e dos familiares das vítimas que ven esmorecer de lonxe, e polos aplausos de ánimo aos heroes e heroínas na sombra que día a día están ao “pé do cañón”, pelexando de fronte, contra o inimigo, e tamén pola falta de alento deses heroes que pelexan sen saber moi ben porque os altos mandos, no canto de proporcionarlles unhas protecións correctas para facelo, o que fan é pisar as poucas forzas que quedan, dicíndolles que se se infectan é porque non o están facendo ben.
As ordes son claras: vai e loita, e se non sobrevives, mala sorte. Este é o noso día a día nestes momentos, o de moitas e moitos soldados que, coma min, temos que saír das nosas trincheiras e enfrontarnos ao inimigo co pouco que temos nas mans, que non chega nin para manternos a salvo a nós mesmos.
Cada día levantámonos de novo esperando que sexa o último e que se levante dunha vez unha bandeira de paz que non dà chegado. Pero non chega por mor de moitos que non souberon ver o que se nos viña enriba, ou que non quixeron velo, porque entón terían que recoñecer que non estabamos en absoluto preparados para isto.
E a culpa téñena todos, os que están e os que se foron, os que seguen e os que aspiran a estar, todos quedaron mirando dende a barreira como se ía achegando unha onda de lonxe, barrendo todo ao seu paso, e no momento no que nos golpeou de cheo escondéronse debaixo dunha pedra mentres que a todos os demais nos está a barrer cunha forza descomunal.
Pero aí estamos, loitando con fouces e paus, a falta de boas armas, para combater nesta guerra. Somos soldados que velamos por todos e que non levamos uniforme de camuflaxe aínda que nalgúns casos poderíamos pasar por astronautas de baixo custo, esperando en moitos casos a que chegue o peor, se é que hai algo peor que o que nos está tocando vivir.
Estamos fartos xa de non ter un plan de ataque claro, de non ter con que combater e de estar a esperar nas trincheiras ata que o inimigo está xa encima, perdendo as forzas a cada paso e deixando demasiadas mortes polo camiño que poderían evitarse.
Pero aínda así sairemos con ben desta, porque os soldados somos así, pelexamos, recibimos golpes e levantámonos de novo, aínda que estaría ben se nesta guerra recibísemos un pouco máis de axuda por parte dos que teñen que dala e menos culpas que non son nosas. Xa que se temos baixas non será por meternos na boca do lobo senón por aqueles que nos mandan meternos sen a debida protección.
Protección, orde e determinación é o que necesitamos dos nosos mandatarios, non plásticos, confusión e titubeos por parte duns e doutros. Só así poderemos gañar esta guerra, todos unidos, todos a un tempo e facendo todos o correcto. Todos.
Atentamente, un soldado desde a súa trincheira.
“Imagen del Banc d’Imatges Infermeres. Autoría: Ariadna Creus y Àngel García”