Coñecedes a serie Élite? Non, claro, e tampouco oístes nada do da Pantoja unha tarde calquera poñendo a medicación das 16h nunha habitación. Xa. Tranquilos, aquí estou eu para introducirvos no mundo millenial. Élite é unha serie que transcorre nun colexio privado no que fan de todo menos estudar. Pois dentro de pouco imos ter a nosa versión galega pero en forma de colexio de enfermaría.
A última gran idea do noso gurú Feijoo é abrir unha nova escola de enfermaría na Coruña. Normal, como só había sete escolas en toda a comunidade, pois igual eran poucas. Notade o sarcasmo aquí, por favor.
É curioso que estén máis preocupados de crear escolas que de crear postos de traballo estables e de calidade que despois poidan ocupar eses mesmos profesionais. Pero esto só é unha reflexión miña, que como sabedes estou máis avinagrada que a auga de Burow que queda no fondo do refrixerador e que cando a queres usar xa caducou.
O que aínda non mencionei é que a famosa escola é privada. Si, PRIVADA. A ver, non sexamos malpensados, igual esta decisión obedece a algunha razón lóxica. Vouvos deixar por aquí as verbas de Carlos Paz Miño, Director Territorial de Quirón Salud Galicia, que dixo: «este acuerdo posibilita la complementación de los conocimientos teóricos con la práctica asistencial en centros en lo que estos futuros profesionales de la enfermería tendrán a su disposición los mejores equipos humanos y una tecnología médica de vanguardia». Ergo, que se van facer prácticas en centro sanitarios, toma innovación, o nunca visto, prácticas en centros sanitarios durante a carreira!
Non quero dicir que este acordo obedeza a algún tipo de trato entre a Xunta e esta institución privada que beneficie a ambos (que non teño probas, pero tampouco dúbidas), o que sí quero dicir é que me parece unha estupidez e unha forma máis de crear unha cortina de fume que tape as carencias reais. O problema non radica nunha falta de estructuras ou de medios para formar profesionais. Cada ano rematan a carreira sobre cinco centos de enfermeiros e enfermeiras, moitos incluso non conseguen entrar e teñen que presentarse para subir nota e poder acceder ó ano seguinte. E aínda se así fora, bastaría con crear máis prazas nas universidades públicas, non é necesario aumentar a fortuna dos señores Quirón.
O que falla é a súa incorporación o mundo laboral. Por qué ían quedar nun sitio no que teñen que traballar a días, cando poden ir a outras comunidades autónomas ou a outros países nos que teñan máis estabilidade? Son novos señor Feijoo, non parvos. Supoño que a diferenza radica en que agora, o ir formados desde a privada, xa se acostuman desde o comezo as condicións precarias, así cando cheguen o Sergas pode que incluso lles pareza unha mellora.
Estamos no medio dunha pandemia, cos hospitais colapsados, e aínda así hai xente que día tras día ten que estar pendente do teléfono para saber se vai traballar o día seguinte e donde. Se aínda dando o mellor de nos e facendo o noso mellor esforzo para sacar o traballo adiante, non se dan conta da calidade de profesionais que teñen e que nos deben uns contratos e unha condicións dignas, está claro que non nos merecen, polo que a opción será marchar a outros sitios nos que si nos valoren.
Así que señor Feijoo, se de todas as reivindicacións que levamos facendo, pedindo que se mellore o ratio enfermeira/paciente, que se melloren as condicións laborais, que non se nos contrate por días e menos coa escaseza de profesionais que hai, vostede só entendeu que ten que crear unha escola privada con algúns amiguiños seus para gañar vostede saberá qué, está claro que a nosa labor está cada día máis xustificada.
Con esto non quero restar valor á xente que estuda nas universidades privadas, faltaría máis. Pero que tampouco nos quiten valor ós da pública. Parece que agora a solución pasa por privatizar todo, cando durante moitos anos a ensinanza pública deu grandes profesionais sanitarios, que igual non tiñan os medios económicos para estudar, pero si dedicación, intelixencia, e si, a maldita palabra de moda, vocación. Como digo, o problema ven de cómo se trata a xente, porque esto é como as meigas, enfermeiras habelas hailas, o que pasa é que lles gusta ter os turnos con certa antelación e cobrar por eles, son así de pécoras.
Eu o único que digo é que as enfermeiras da privada saben coller o tren igual que as da pública, aínda que vaian en preferente ou clase turista segundo sexan os seus posibles. E se ven a cousa mal, marcharán, igual que as anteriores, porque esta crise non se soluciona privatizando, senón arrimando o ombreiro e indo todas a unha. E xa levamos máis de un empurrón como para ir escarmentando.