É moi probable que cando leas estas liñas esteas san e non teñas que recorrer á sanidade pública galega, ou pode ser que si, que tiveras que pasar pola man dos seus profesionais. Poida que vivas ou non esas circunstancias, pero non podemos agardar a que un problema nos afecte directamente para ser sensibles á realidade que nos rodea.
Hai anos que arrastramos un problema na Enfermaría galega; vémonos sometidas a unha precariedade laboral extrema que se agrava cada día máis. O persoal eventual non temos dereito a vacacións ou a permisos por matrimonio, nin baixas por enfermidade ou embarazo. Sufrimos continuamente a mobilidade entre servizos, a concatenación de contratos durante anos, dificultades para conciliar a vida familiar e social, ameazas de penalizacións nas listas de contratacións, etc, e isto afecta directamente á atención dos doentes, porque da man da precariedade, a calidade asistencial vese mermada.
Unha situación que vivimos en Galicia arredor de dez mil enfermeiras, e que se mantén durante máis de doce anos, aínda con varias convocatorias de oposicións aprobadas, o que demostra que non se satisfacen as necesidades reais da enfermaría porque as prazas sempre son insuficientes.
Traducido á realidade, a Administración considera que é mellor ternos escravizadas e sen dereitos e así dispón de miles de profesionais formadas e non ubicadas en contratos estables, das que poden botar man a calquera hora do día ou da noite, que collerán o teléfono porque senón, non comen.
Por ese motivo o colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita, que xurdiu a nivel autonómico, para loitar polos dereitos da profesión, quere rematar con esta situación de abuso continuo e, para iso, entende coma base das súas reivindicacións:
1. Loitar contra a Precariedade laboral instaurada no noso ámbito
A situación actual de inseguridade, incertidume e falla de garantías laborais, ten graves consecuencias non só para nós como traballadoras, senón tamén para as nosas familias e entorno en xeral, así como para a sociedade á que coidamos.
2. Defender a Sanidade Pública, Universal e de Calidade
Como alicerce básico e fundamental do Estado de Benestar, recoñecéndoa como a única maneira efectiva e sustentable de garantir a calidade e equidade na atención sanitaria de toda a cidadanía.
3. Avanzar no recoñecemento da Enfermaría como disciplina autónoma
Empoderándoa e apoiándoa nos seus retos presentes e futuros, enxalzando a súa labor asistencial, investigadora, docente e dotándoa dunha maior influencia nas políticas de saúde e nos postos clave da xestión.
A enfermaría déixase a alma coidando aos que a necesitan, pero sentímonos indefensas, porque a Administración non nos coida. Por iso buscamos o teu apoio ó Manifesto, porque a precariedade laboral non pode ser compatible con un sistema de saúde de calidade. #coidaaquentecoida
%%tu firma%%
É por iso que coa miña firma, mostro a miña adherencia ao Manifesto e apoio todas as reivindicacións do mesmo