Nos últimos meses todas as profesionais que colaboramos neste colectivo centrámonos especialmente nos e nas pacientes e nos seus coidados. Deixando de lado as nosas reivindicacións. Mais ante os continuos abusos que se están evidenciando por parte da Administración do SERGAS non podemos ficar caladas.
Levamos semanas colaborando coa Administración para coidar á poboación de diversos xeitos: renunciando aos nosos mermados dereitos, intensificando a nosa labor en materia de educación sanitaria, organizándonos entre compañeiras para a elaboración de protocolos de actuación en cada unidade asistencial, a pesar de saber que esa función lle corresponde a departamentos superiores; asumindo unha carga psicolóxica e física que en moitos casos xa nos está a pasar factura. Soportando a falta de epis e material; soportando que a pesar de presentar sintomatoloxía e de estar en contacto con pacientes con COVID positivo non se nos realizan as probas pertinentes e se nos obrigue a seguir traballando nas mesmas condicións. Soportamos todo iso para saír desta situación canto antes sen pedir nada a cambio máis aló de seguridade laboral e respecto á nosa profesión.
En cambio o que estamos a presenciar é que ese respecto se vexa vulnerado. Seguindo a súa práctica habitual, o SERGAS continúa ofrecendo contratos de días, mesmo cando se prevé unha necesidade de longa duración, contratos que son renovados cada 15 ou cada 30 días.
Esta contratación permítelle a Administración legalmente, no seu beneficio, romper a relación contractual coa traballadora ou traballador, en canto vence este prazo, perdéndose así todos os dereitos que correspondan.
Pero é que ademais diso, nestes últimos días estamos a vivir en primeira persoa como o Departamento de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde non ten reparo en deixarnos sen contrato cando presentamos unha Incapacidade Temporal tras dar positivo na proba de COVID-19.
Segundo isto, para unha traballadora sanitaria ou non sanitaria dependente do SERGAS, o feito de ser contaxiada por COVID-19 non só supón un prexuízo á súa saúde senón tamén unha penalización, posto que esta rutura do vínculo laboral tradúcese nunha perda do seu contrato, e polo tanto da baixa laboral en toda a súa consideración, ademais do cómputo de servizos prestados a efectos de baremación nas listaxes de contratación e de cotización.
Sabemos que a Administración corrixiu algún dos seus “erros”, como eles mesmos os califican, pero non é suficiente, pois estamos fartas e non queremos máis remendos. E é que eses “erros” seguirían senón fose pola presión mediática da cidadanía, dos medios de comunicación e organizacións como a nosa, así como pola cercanía das elecións autonómicas. Os nosos dereitos non son puntos de partida para súa campaña electoral encuberta, queremos feitos e non palabras.
É por iso que esiximos responsabilidades políticas, e tamén un cambio de actitude inmediato por parte da devandita Administración, que teña como eixo fundamental o respecto dos nosos dereitos laborais para poñer fin dunha vez a esta precariedade e mal trato laboral ao que levamos sometidas por parte do goberno da Xunta de Galicia nos últimos anos.
De non ser así a nosa resposta será contundente en canto nos sexa posible, e empregaremos para isto todas as ferramentas ao noso alcance.
Por último solicitamos tamén á poboación no seu conxunto, que se sensibilice coa nosa realidade, pois nas súas mans está poñer en valor o labor do persoal sanitario e esixir, en consecuencia, un cambio das actuais políticas sanitarias.
A saúde é un ben común. Xa é hora de coidar a quen coida.
“Imagen del Banc d’Imatges Infermeres. Autoría: Ariadna Creus y Àngel García”