Levas trece anos sendo enfermeira e aínda que non é momento de queixarse, algo se remove dentro de ti. Foches mil veces traballar sen durmir, tremendo porque non sabías ao que te podías chegar a enfrontar.
Mandáronte a tantos servizos distintos e asumiches tantas responsabilidades e funcións descoñecidas que remataches o día sen saber como o comezaras. Dependendo da axuda das túas compañeiras ás que sobrecargabas; mentres que noutras ocasións a que axudabas ás novas eras ti. E é que somos sustitutas ou máis ben remendos que colocan onde o necesitan, unha quenda ou dúas ou con sorte quince días.
Vives a golpe de chamada para contrato, respondes ao teléfono con taquicardia e tentas escoller o menos malo porque se te negas, corres o risco de que te penalicen un ano ao final da lista. Non coñeces a estabilidade laboral nin as vacacións. Cando che propoñen algún plan sempre respondes “non sei se podo ir porque aínda non teño contrato”.
Preparas indefinidamente oposicións xunto con outras miles de compañeiras. Conseguirán praza só unhas poucas. E tragas e ségueste formando á túa costa para non ¨cagala¨. Porque as especialidades de enfermería son un embrión que non interesa desenvolver.
E resulta que agora enfrontaste a unha pandemia e non hai equipos de protección individual para que poidas traballar con seguridade. Por aí non pasas. Reclamas protexer a túa saúde, a da túa familia e a dos teus pacientes. Mais non hai máscaras e ti es unha heroína ou máis ben unha miserábel mártir. O único que tes claro é que hai persoas enfermas sufrindo que só te van ter a ti antes de morrer.
E tragas e reutilizas a máscara por enriba das túas posibilidades. Coses os teus propios gorros e batas. Choras emocionada cando che doan EPI´s que o teu mando debería terche proporcionado hai semanas.
Somos 25.000 as e os sanitarios infectados.Sara, unha sanitaria máis, que morreu con 28 anos. Atendemos ao personal compañeiro cando ingresan con evolucións graves. Eu podo ser a seguinte. Agora vivimos soas e levamos un mes sen darlle unha apertas as nosas fillas, aos nosos fillos, as nosas nais e aos nosos pais, as nosas amizades por medo a contaxiarnos ou, o que é peor, a contaxiar.
Queren que sigamos sendo remendos manipulables. Valo permitir?
Grazas @noeliabalfra
No es justo.Os tendríamos que apoyar..Todos a protestar por nuestra sanidad