Volvo a ser eu, si, o azoute contra as inxustizas do Sergas, o Anonymous galego se queredes (igual me pasei, é o que ten o turno fixo de mañás, que acaba coas poucas neuronas coas que non acaban as OPES). Hoxe imos deixar descansar os acúmulos, que me parece a min que tempo imos ter de sobra para queixarnos sobre eles, para falar doutro tema, se cabe, más importante. E non, non me refiro ó tema das listas de contratación (epic fail) pero xa que insistides, ímolo mencionar. ¿Sácanas tarde mal e a rastro? É verdade, porque tiñan un ano enteiro para sumar as notas da OPE, pero igual non había calculadoras para todos, que é moi fácil xulgar desde fora… en fin, tanta eficiencia conseguiu deixarme sen palabras.
Que vos ides poñer vos para a cerimonia dos premios Princesa de Asturias? Nos dubidamos entre o pixama branco ou o verde, o pantalón do branco quédame longo, polo que nos quedan ben cos tacóns, pero o verde viste moito, para unha gala creemos que quedaría xenial, e como son tan anchos se non lle pechas o escote ca cinta de esparadrapo, portada da “Hola” seguro. Outra cousa, sabedes onde se solicita en Fides o permiso para a recollida de premios? E que período de horas se pon, a cerimonia só ou tamén o coctail de despois? E que son intervalos de horas diferentes, ademáis, non sei como son as ceas de nadal nos vosos hospitais, pero no noso non acaban ata a mañá do día seguinte. Nos só avisamos de que como regalen alcol van ter máis problemas para cubrir o día da entrega de premios que o día das eleccións, que vota xente que nin sabe que partidos se presentan.
Outro tema no que ninguén reparou e que non temos representante para recollelo. É dicir, aí está o ministro de Sanidade, pero eu que sei, un filósofo recollendo un premio para sanitarios… nin que me puxera eu a recitarlle o mito da caverna de Platón a un paciente mentres lle fago un electro. Outra opción sería Fernando Simón, pero se vai levar eses pelos de saír despois de tres horas co gorro de quirófano, a min non me representa. Así que outro problema engadido, non sei nin que levar, nin cantas horas pedir, nin quen ten que ir recollelo.
Igual a xente que quedamos atrapados todo o verán no acúmulo crise covid (desde aquí pido un crowdfunding para camisetas que digan “son enfermeira acúmulo crise covid, cal é o teu super poder?”) somos os elexidos para tal fin. A ver, no meu hospital levamos máis de un mes sen ningún caso positivo, e os acúmulos covid estamos para todo menos para o covid, igual agora é o noso momento, para ser estrelas e ir recoller premios. Non digo que non o merezamos, que levamos desde o comezo desta pandemia facendo turnos como se tiveramos que traballar en tres meses o de todo o ano, pero xa me extraña a min tal deferencia do Sergas. Tamén é verdade que como agora mesmo non teño carteleira, e ando cada día nun sitio sabendo cando traballo so cunhas horas de antelación, espero que Felipe e Letizia teñan a ben chamar a miña xefa para cadrar horarios.
Retranca aparte, de verdade alguén se emocionou cando saíu a nova nos medios de comunicación? Eu sinceramente sentín rabia e impotencia, porque está claro que esta catástrofe que acabamos de vivir non cambiou nada nin removeu ningunha conciencia. Somos moi claros nas nosas reivindicacións, non queremos aplausos, nin premios, nin palmadiñas na espalda, só queremos condicións laborais dignas, contratos dignos, que se nos trate como persoas, non coma números, temos vida máis ala dos hospitais e centros de saúde, pais, nais, avós, parellas, amigos, mascotas… non somos heroes, nin queremos que o alcalde nos entregue a chave da cidade nin queremos un premio entregado por unha institución rancia como é a monarquía. Cos cartos destinados a esa xente que cobra por figurar, poderíanse ter comprado moitos EPIS, respiradores, contratar máis personal, non botar a xente por enfermar e pagarlles as súas baixas… porque moitos compañeiros que arriscaron a súa saúde e a perderon, estiveron na casa de balde, despois de loitar contra este becho. Eles, no seu palacio, a salvo, cobrando polo simple feito de existir e respirar.
Quero xustiza e dignidade para levar a cabo o meu traballo, non un premio. O premio seria erguerme un día e ver que o sistema de saúde se preocupa de coidar os seus usuarios e os seus traballadores, e non de monetizalos. Pero esto último que acabo de escribir si que merece un premio, pero ao mellor relato fantástico.
PD: Aínda que eu o premio da concordia non lle digo que non, porque cando traballache de tarde, e volves de mañá, e a supervisora che pregunta se podes doblar turno e quedar para a tarde, hai que ter moita concordia nas veas para non mandala a tomar polo … en fin, sabedes de que falo, todos estudiamos anatomía na carreira.
“Imagen del Banc d’Imatges Infermeres. Autoría: Ariadna Creus y Àngel García”