Hai unhas semanas o Servizo Galego de Saúde presentou o proxecto de decreto de oferta de emprego público para persoal estatutario do ano 2021, hoxe mesmo o DOG confirma esas cifras. Na mesma tanto o señor Conselleiro como algunhas organizacións sindicais presentes, na súa maioría, alardean de anunciar a grandiosa cifra de 604 prazas para Enfermería, sen prestar atención á cantidade real de persoal interino e eventual que nos atopamos traballando nestes momentos, por non falar das outras categorías deficitarias e precarias xunto a nosa que é a máis numerosa. A nosa aínda pode parecer unha cifra axeitada, que non o é, mais se nos fixamos nas das especialidades de enfermería o chiste xa pasa de malo a terriblemente ofensivo.
Na sanidade pública galega hai unha elevada porcentaxe de persoal contratado, nalgúns servizos incluso superior ao de persoal fixo estatutario. Ademais neste momento atopámonos con que as xubilacións na nosa profesión seguen a sucederse en masa, posto que temos un gran número de enfermeiras que próximamente dirán adeus a máis de 30 anos de carreira. Isto lévanos a unha necesidade de cobertura unhas dez veces superior ao que se presentou. Nun ano tan complicado coma este evidenciouse máis ca nunca o baixo ratio de enfermeiras que temos en Galicia, por debaixo do ratio nacional e moi por debaixo do europeo, tendo como síntoma inequívoco a evidente falta de enfermeiras da que tanto se queixaron as xerencias das áreas sanitarias galegas, o que nos obrigou incluso a non poder ter descansos e mesmo a dobrar quendas para garantir os coidados das e dos pacientes.
É tan sinxelo como fixarse no que sucedeu non hai tanto tempo, xusto uns meses antes de que se declarase a pandemia. Na famosa OPE negra, o último exame que se celebrou ata a data para unha oferta de emprego público de Enfermería, estabamos inscritas máis de 8000 enfermeiras. Tendo en conta que por cada praza había unha media de 10 enfermeiras pelexando por conseguir unha estabilidade que a gran maioría levabamos, e seguimos levando, un terzo da súa vida esperando, e que cada ano séguense sumando unha media de 500 enfermeiras recentemente saídas do forno, non fai falta ser moi lista nin ter un máster en álxebra para darse conta de que o número de prazas que nos puxeron diante é máis que ridícula e insuficiente.
Entre as ofertas de emprego público que lanzou o Sergas no últimos tres anos non suman nin a quinta parte do que sería necesario, e nós non deixamos de preguntarnos o porque de que non se oferten todas as prazas existentes. Desde o Goberno Autonómico dinnos que a culpa é do Goberno Central que se nega a eliminar a Taxa de Reposición e que por esa razón non poden ofrecer un maior número de prazas, e desde o goberno central botan balóns fóra dicindo que o goberno anterior tivo a proposta de eliminar a taxa de reposición e dérona de lado sen tela en conta sequera, ademais de que desde o goberno autonómico as cifras que ofrecen para xerar postos de emprego público non son de todo reais e que por iso non poden sacar mellores números.
Mais iso si, tras a denuncia que levamos ao Parlamento Europeo, cuxo debate levou a cabo a finais de xaneiro e no que os parlamentarios tomaron a decisión de seguir adiante coa investigación da fraude na contratación e no mantemento do elevado número de interinidades, e as numerosas protestas por parte doutros sectores da administración pública, o goberno central anunciou que vai rematar coa precariedade laboral no sector público, non obstante ata o momento non vimos ningunha proposta en firme.
Mentres aquí seguimos cos apuntes dun lado a outro, de academia en academia e tomando o papel de eternas opositoras á vez que imos acumulando contratos e máis contratos precarios sen que á Administración Pública lle importe o máis mínimo. Da igual o número de veces que aprobases, da igual o número de anos que leves traballando, todo da igual porque o único que lles interesa é cadrar os números ao final do ano. Aínda que nós non somos números nin os nosos pacientes tampouco.
Por todo isto volvemos reclamar transparencia por parte da Administración Autonómica e a eliminación da taxa de reposición por parte do Goberno Central, que deixen de acusarse uns a outros e que dunha vez por todas se formalice “a macro oferta” de emprego que levamos reclamando desde hai anos. Solicitamos de novo que deixen de rirse nas nosas caras, porque nós non somos números pero os números falan por si sós e os números sí que importan.