Cando estabamos case á volta do Nadal, Alberto Nuñez Feijóo advertiu aos galegos de que “depende de nós evitar ou diminuír unha terceira onda“. Era o dezanove de decembro e apelou a “non tirar pola borda” o esforzo de todos estes meses, pero esqueceu que é el quen está a dirixir o barco.
Unha vez subida nesta onda, poderíamos culpar a unha determinada parte da poboación que non realizou parte do seu traballo, pero nós centrarémonos na Administración da Xunta de Galicia, en cuxas mans están as case plenas competencias sanitarias.
En primeiro lugar, temos a obriga de falar dos datos ofrecidos onte á cidadanía por Feijóo no día de onte onde afirmou que “o nivel de ocupación da UCI é do 25%“. Estes datos forman parte dunha pantomima á que nos ten acostumados o presidente electo da Xunta de Galicia.
Todo isto é un novo exercicio de equilibrismo, no que o gabinete do presidente tenta retorcer os datos ao máximo posible, evitando mostrarlle a realidade á poboación. Pero ademais de retorcer os datos, tamén fai o propio coa paciencia do persoal. Non falamos dun persoal calquera, senón dun persoal esgotado unha vez máis e cada vez máis farto de afirmacións coma estas. Convidámolo, señor presidente, a visitar as UCI de toda Galicia, pero non a facer a foto, senón a sentir en primeira liña o nivel da nosa paciencia.
Quizais eses datos distorsionados sobre a ocupación da UCI poidan ser creíbles para unha determinada parte da poboación, pero non lle tomará o pelo ao persoal sanitario. Nós somos a primeira liña. Vostede, que leva amosando nestes últimos anos o seu desleixo cara nós, é un político de segunda división, rodeado iso si, dun excelente marketing.
Ese marketing que lle impide asumir que en todos estes meses, ese Plan de Continxencia que presentou detrás de bastidores con fogos de artificio, foi un Plan de Pantomima. Quedou demostrado que ese tan cacarexado plan que lle venderon á sociedade galega era máis do mesmo.
Como exemplo deste Plan de Pantomima, a nula planificación desde Recursos Humanos en todas, sen excepción, as Xerencias das Áreas Sanitarias de Galicia. É inadmisible que pasados once meses da aparición do primeiro caso en Galicia e coñecendo as necesidades do persoal formado en Unidades de Coidados Intesivos, a formación destes non é que fose escasa, senón practicamente nula.
Poderá entender o cidadán de a pé a estas alturas da historia, que un doente que chega a unha unidade como unha UCI require de coidados complexos e para iso require profesionais debidamente formados e cunha experiencia mínima.
Pos ben, ata o día de hoxe, e debido única e exclusivamente pola ineptitude das distintas Xerencias, aínda hai profesionais sen experiencia estreandose cada poucos días e sen a formación adecuada nestas unidades. Onde está a planificación previa por parte destas Xerencias formadas en gran parte por postos escollidos a dedo e dependentes da sua ideoloxía política? Como é posible que non foran capaces de atraer e formar persoal suficiente para unha posible continxencia? Probablemente porque o Plan de Continxencia fixo augas por todas partes.
Como tamén é inadmisible que o señor Feijóo esixa agora a obrigatoriedade das máscaras FFP2, cando hai meses despediu a unha xefa de servizo do Chuvi por esixir máscaras cirúrxicas para o persoal. A afectada, a Doutora Eva Maquieira, tamén falou do que relatamos neste artigo, “a falta de liderazgo e previsión por parte dos mandos directivos“, uns mandos directivos que seguen demostrando a súa incapacidade.
Pero centrémonos nesa Xerencia que dirixe, ordena e manda. Esa mesma Xerencia que permite, sen que lle caia a cara de vergoña, culpa a outros e se agocha detrás de erros puntuais, que centos de profesionais se vacinen saltando a súa quenda. Falamos da Xerencia da Área de Pontevedra e O Salnés ou da da Mariña, onde nesta última non lles tremeu a man vacinando, entre outras, a Subdirectora Médica, a Directora de Enfermaría ou ao Supervisor de Área, escudándose en que estiveran ofrecendo labores asistenciais na primeira liña. Supoñemos que paga a pena un turno de mañá nas urxencias, despois de anos nas oficinas para xustificarse a sí mesmas que merecían a tan ansiada vacina.
Unha e outra vez, desde todas as posicións diferentes, intentarán esconder o seu nepotismo, a súa falta de previsión, as súas decisións erróneas, a súa falta de ética profesional, o seu egoísmo e o seu servilismo para o posto por encima de todo. Sempre amparandose na excepcionalidade, nas circunstancias puntuais, en erros debido á premura da situación ou simplemente calando. Seguro que nunca saberemos nada máis do sucedido. Non digamos unha investigación dos feitos, algo tan improbable como que todas as persoas implicadas sexan apartadas dos seus postos.
Contaremoslles a verdade. Todo o que lles narramos forma parte desa gran pantomima da que falamos anteriormente. Esa pantomima que ven a diario en xornais, radios e televisión. Non se enganen, o que conta é a improvisación. Quizais na próxima pandemia estea á fronte persoal competente, rodeado de xente capaz. Unha mágoa, porque “habelas hainas“. É sinxelo, tan só escoiten as e aos profesionais que non andan nos despachos.
Moi bo artigo. Complétamente de acordo. O sr. FeijOO minte máis que fala e todo o que dí que fai…non o fai!
Debemos seguir denunciando esta actitude que o único que consigue é ter unha Sanidade Pública na Galiza insuficiente e incompetente na xestión, polos seus recortes dos últimos 11 anos.
Ánimo xs profesionais!