Habemus polémica. Alguén máis ten a impresión de vivir no plató de Al rojo vivo? Porque cando non é unha cousa é outra, non hai forma de que non salte a lebre. Estas últimas semanas estiven tan extasiada coa continua entrega de premios que non me acordei de comentar o noso último gran logro como colectivo. Unha maior estabilidade laboral? Non. Melloras en canto a conciliación familiar? Si oh, e que o BOE o traia impreso Papa Noel, tamén.
Non compañeiros e compañeiras, falo de algo que todos estabamos pedindo a berros. O famoso bono turístico de 250€. Sei que as opinións son coma os cus e cada un ten a súa, pero como xa nos coñecemos de varios artigos anteriores, síntome coa confianza de darvos a miña.
A ver, a min que me sobornen non me parece moi ético, pero xa sabemos que a ética e a coherencia desta xente e do estilo de “dobrar turno non é legal cando ti queres xuntar días para irte de vacacións, pero se eu preciso que me fagas tarde e noite porque non teño xente, a legalidade está sobrevalorada”.
Situados, ese tipo de xente é a que manda. Ben, pois ó meu entender esto é un quedar ben e non gastei nada. Non estou en contra de botar unha man agora que todo o mundo está ca auga o pescozo, entendámonos, e a min gústame un balneario como a que máis, pero, non tería máis sentido que lle deran os cartos en axudas directamente a eles? Non sei, digo, sen intermediarios. Pero así matan dous paxaros dun tiro. Mira ti que listos estos da Xunta.
O final o problema ven do mesmo sitio de sempre, a incomunicación. Estou segura de que se nos houberan feito unha enquisa telemática os sanitarios sobre en qué nos gustaría que se invertiran os cartos, a maioría houberamos respondido que en equipos de protección individual. Mascarillas que non parezan filtros de cafeteira, batas aínda que sexan un pouco impermeables e pantallas de calidade, porque eu creo que desde marzo e abril as ferreterías aínda non deron reposto o stock de pantallas, e a xente do campo tamén ten que seguir desbrozando. Porque a todos nos gusta o ocio, pero máis nos gusta seguir vivos.
Así que por un lado estamos os que nin nos achegamos o ordenador para pedir o bono, e por outro os que non lle daba o dedo para refrescar a páxina máis rápido. Respetable, evidentemente. Pero o argumento “e que se non os empregan en nos a saber donde van parar os cartos” non me convence. É como se me dis que vas a unha sucursal bancaria a atracar en plan “La casa de papel” porque se non gastas os cartos ti, o director do banco igual se vai as Maldivas de vacacións. Os cartos deberían ir parar o que urxe agora, protexernos ante a segunda oleada que estamos a sufrir. Non en ir de viños.
Entendo que é difícil sacrificar o ocio, pero a nosa prioridade agora mesmo debería ser estar sans e poder realizar o noso traballo, que é coidar dos demáis, nas mellores condicións posibles. Xa haberá máis veráns para saír de viaxe, para beber cañas nas terrazas ata que non saibas por donde baixar do taburete ou para meterte no jacuzzi media tarde.
Esta pandemia colleunos a todos co pé cambiado e estamos fodidos, pero o primordial e saír o mellor posible e tirar para diante. E eu para eso prefiro unha mascarilla FFP2 en xeito que un mojito.
Cando por fin todo pase, irei de vacacións gastando os cartos que gañei traballando, non un cheque que me dan para limpar conciencias e facer un lavado de imaxe. Non cando teño o recordo das miñas compañeiras coas mans queimadas de usar batas que tiveron que lavar con lexivia porque non tiñan máis e non as podían desbotar.
Así que grazas, de verdade, pero pola miña parte paso, non acepto nin sobornos nin esmolas, se hai algo que odie máis que a clase política intentando comprarnos, é un negacionista sen mascarilla pola rúa, dicindo que o que nos vai matar son os bozos que nos fan poñer os líderes mundiais e o 5G, non a pandemia.
Un bono de paciencia, eso sí que non nos sobraba.