O movemento «Enfermeiras Eventuais en Loita» naceu a principios do ano 2019 a partires dun grupo de compañeiras da Área de Pontevedra. Tras varios anos sufrindo unha temporalidaide laboral asfixiante, unímonos ca fin de dar a coñecer esta realidade laboral. Centrámonos na mellora dos dereitos do persoal temporal, así como na promoción e crecemento das enfermeiras, e demandamos transparencia e igualdade de trato.
Agora, coma asociación constituída oficialmente como “Enfermeiras en loita”, seguimos traballando polos dereitos do persoal temporal pero tamén polo persoal fixo. O movemento busca tamén influenciar nas políticas sanitarias das diferentes Administracións Públicas desenrolando diferentes actividades de participación activa e campañas públicas. O fin segue a ser o mesmo, poñer en valor a sanidade pública e os dereitos das enfermeiras galegas que traballan no Servizo Galego de Saúde para ofrecer cada día, uns mellores coidados.
«Enfermeiras en Loita» é un movemento libre, por tanto non se adhire oficialmente a ningunha ideoloxía política ou sindical. A súa función é buscar o beneficio do colectivo, polo que entende que debe estar aberto á comunicación con todos sen excepción.
¿Cales son os nosos obxectivos?
Os nosos obxetivos son sinxelos, mellorar as condicións laborais das enfermeiras galegas do Servizo Galego de Saúde, tanto temporal coma fixo e mellorar en consecuencia a calidade dos coidados e que a saúde dos galegos e galegas acade o nivel que todos e todas nos merecemos.
¿E porqué Enfermeiras e non Enfermeiros?
Máis do noventa por cento dos profesionais de enfermaría son mulleres. Os homes nesta profesión son minoría e moitos deles incluso autodefinense como enfermeiras. Por iso e co consenso da parte masculina dos que iniciamos o movemento, decidimos desta forma expresar o orgullo feminino da profesión definindonos coma Enfermeiras en Loita.
¿E só Enfermeiras?
O movemento foi creado por Enfermeiras pero somos conscientes da inestabilidade que viven o resto dos colectivos da Sanidade Pública de Galicia, polo que ademáis de apoiar ó resto de colectivos nas suas reivindicacións, tamén pensamos de que temos moito en común e que xuntos seremos máis fortes.