Xuntas nunha mesma loita

Hai uns días, as Técnicos Auxiliares de Enfermaría comezaron a súa loita, TCAEs eventuais en loita. Máis que comezar, déronlle forma a unhas reivindicacións que levan anos entre as paredes dos centros de traballo de todo o país, pero que agora collen forza e forma.

Forza e forma que se xuntan coas das nosas mobilizacións. Desde hai meses as Enfermeiras Eventuais en Loita levamos por bandeira as reivindicacións dos nosos dereitos, reivindicacións as que agora se suman as TCAEs, e que mesmo o persoal facultativo ten iniciado. 

Recibimos con alegría a nova do camiño emprendido polas nosas compañeiras, que se son pezas fundamentais no equipo de coidados e que, por suposto, tamén o son nesta loita, que ao fin e ao cabo é de todas as eventuais, sexa cal sexa a categoría. 

As TCAES e as enfermeiras somos os colectivos máis numerosos na sanidade pública galega. Traballamos cóbado con cóbado cada día para sacar adiante os coidados das nosas pacientes, moitas veces contra  vento e marea pero traballando en equipo para conseguirmos coidar da mellor maneira posíbel as nosas doentes. Nesta peripecia de sacar adiante os coidados, vémonos sometidas a un sistema que non nos permite conciliar nin ser donas das nosas vidas e que ademais non nos deixa prestar unha atención de calidade. 

Por iso as enfermeiras eventuais  iniciamos as nosas reivindicacións, e por iso tamén agora  as comezan as TCAES, porque elas, ao igual ca nós, sofren a mala xestión do SERGAS, a falta dunha Oferta Pública de Emprego adecuada as necesidades reais (coma a OPE negra que van ter que enfrontar a principios do ano que vén, ao igual que nós o fixemos neste mesmo ano), o sometemento a un Pacto de Selección Temporal inxusto e non transparente, etc.

Dende Enfermeiras Eventuais en Loita, queremos darlle azos ás nosas compañeiras TCAEs e animar ao resto de compañeiras doutras categorías a que se sumen, porque ao fin isto é unha batalla conxunta. 

#tcaeseventuaisenloita

#enfermeiraseventuaisenloita

3 thoughts on “Xuntas nunha mesma loita

  1. De Tcae en loita ai grupo en Ourense, Coruña, Santiago–Barbanza e tamen Lugo.
    Xa se esta na confección das camisetas para cando sexa a Ope e cuántas ocasions se presenten para demandar os nosos dereitos.

Deixar unha resposta