Informe da “Enquisa da Enfermaría galega precaria”

Son moitas as problemáticas ás que se enfrenta o persoal eventual na nosa comunidade. A inestabilidade laboral vai aumentando a pasos axigantados ao mesmo tempo que diminúe a calidade asistencial. Esta situación laboral de eventualidade extrema  posiciona ao persoal nunha situación moi comprometida: non só a de traballar sometido ao estrés que xera “per se” unha actividade laboral chea de responsabilidades como é a Enfermaría, senón ao engadido que supón o cambio diario de servizo ou ubicación, a incertidume, a calidade dos contratos, etc.

Todo comezou a raíz dunha reportaxe na televisión acerca da Precariedade Laboral, onde Antonio Fernández-Campa, actual Xerente do SERGAS afirmou que a precariedade no Servizo Galego de Saúde “no es una situación habitual” e que o 85% dos traballadores do Servizo Galego de Saúde están en vínculos estables. Tamén o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, declarou que o 88% do persoal ten un “nomeamento definitivo“.

Tras facerse virais as súas declaracións, moitos profesionais eventuais sentironse menosprezados e moi doídos, posto que levan sendo traballadores eventuais e precarios dende fai moitos anos. Esta situación mantense a pesares de aprobar varias convocatorias de oposicións, sen ter os mesmos dereitos ca o resto de traballadores con praza fixa ou vínculos de longa duración; é dicir: sen vacacións, sen posibilidade de baixa por enfermidade ou embarazo, acostumados á mobilidade entre servizos día si e día tamén, expostos a un estrés continuo, con moitas dificultades para levar a cabo unha conciliación familiar e social e, por se fora pouco, moitas veces baixo ameazas de penalizacións.

A raíz destas declaracións, dende AENSAC, propuxose a idea de responder a Fernandez-Campa coa realidade dos números. Así xurdiu a “Enquisa da Enfermaría galega precaria” onde sae á luz a verdadeira sensibilidade do persoal de Enfermaría temporal do Servizo Galego de Saúde.

Os datos

Esta enquisa realizouse no período comprendido entre o 11 de marzo e o 16 de maio do 2019. Recolléronse un total de 808 resultados, dos cales tivemos que excluír 73 deles debido a respostas inválidas e duplicadas nos resultados finais, quedando finalmente un total de 735 enquisas válidas.

O primeiro dato que podemos observar é que o 89,12% das persoas enquisadas foron mulleres mentres que tan só un 10,9% son homes. Do total dos enquisados, un 73,7% non teñen fillos e a súa media de idade sitúase nos 32,2 anos (sendo 21 anos a idade do máis xove e 54 anos a do máis maior).

O dato menos alentador de todos é o que se desprende cando o 89% dos enquisados se considera en situación de precariedade laboral, 8,8% quizais e tan só un 2,2% opina non ter un traballo precario.

Destas persoas, a media de anos que pasan anotados nas listas é de 8,14 anos, sendo 24 os anos do que máis tempo leva, e inferior a 1 ano o de menor tempo de permanencia. Un 78,7% dos enquisados levan nas listas 5 anos ou mais; un 44,4% do total levan 10 ou máis de 10 años.

De todos os enquisados, só un 19,2% ten unha vacante ou comisión fronte a un 80,8% que non a teñen. Os que si teñen vacante ou comisión, levan con ela unha media de 3,2 anos. Iso si, para conseguila tiveron que pasar 12,2 anos desde que sumaron o seu primeiro contrato no Servizo Galego de Saúde. A media de contratos asinados non último ano é de 24 contratos, superando os 300 contratos a persoa que máis número deles asinou.

Conclusión

A idade media dos traballadores eventuais do Servizo Galego de Saúde segundo datos do INE, coincide co momento no que a muller adoita ter o seu primeiro fillo.

Que o 89% dos enquisados se consideren traballadores precarios está en relación directa coa baixa natalidade, sempre segundo datos da Comisión Europea, expostos no estudo sobre “Empleo y desarrollo social en Europa”, polo que, darlle fin á precariedade laboral da profesión enfermeira, poderá favorecer á natalidade galega, que  recordemos, está a vivir un drama poboacional e necesita de 7.000 nacementos máis ao ano para volver medrar  en poboación.

Esta precariedade palpable polos profesionais, sumado ós datos do INE do ano 2018 no que sitúan a Galicia na cola de España e moi lonxe de Europa no ratio enfermeira-doente (a terceira peor CCAA), non deixan á enfermaría galega nunha boa situación.

Doutra banda, queremos incidir no tempo medio que debe pasar un profesional de enfermaría para optar a unha vacante segundo os enquisados: 12,2 anos, tendo en conta que unha vacante non é estabilidade como en moitas ocasións expresou a Xunta de Galicia, xa que como ben recolle a Lei 55/2003 do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, “O persoal interino en praza vacante, é persoal temporal.” Ademais, na actualidade, esas prazas saen a concurso de traslados aberto e permanente con periodicidade anual por orde do Servizo Galego de Saúde, o que tamén dá lugar a unha alta rotación do persoal, feito que, finalmente, repercute na calidade asistencial por unha deficiencia de continuidade de coidados.

Como podemos observar, son moitos os datos que se poden aportar a través de esta enquisa, pero poden resumirse nun único punto: a eventualidade na Enfermaría Galega non é algo puntual, é algo que vivimos cada día miles de galegos e galegas, miles de galegos e galegas que sosteñen un sistema de saúde que sen o persoal eventual, se viría abaixo.

Por este motivo dende o noso colectivo cremos que o tempo de estar na escuridade rematou. Agora é tempo de coidar a quen te coida. É tempo de coidar á enfermaría.

Deixar unha resposta